Memoria activa

Memoria activa – 2020 «Memoria activa» é un programa de envellecemento activo do Concello de Bergondo, centrado na estimulación cognitiva a través da memoria colectiva e o patrimonio inmaterial. Dirixido a persoas maiores, o obradoiro desenvolve sesións semanais nas parroquias do municipio, utilizando dinámicas para activar lembranzas sobre a historia local. O material recollido transfórmase en formatos de devolución social que fomentan o diálogo interxeracional no territorio. Encargámonos do deseño e execución dos obradoiros. . Categoría: Memoria e lingua Clienta: Concello de Bergondo

De fronte á violencia de xénero

De fronte á violencia de xénero – 2020 Campaña e programa de sensibilización fronte á violencia de xénero impulsado pola Deputación da Coruña con motivo do 25N. A iniciativa promove a adhesión de concellos da provincia e entidades sociais e empresariais a un manifesto común, creando unha rede de administracións comprometidas coa igualdade de xénero. Ademais, inclúe recursos e actividades online dirixidas a todos os públicos para continuar sensibilizando contra as desigualdades e a violencia de xénero. Os materiais da campaña están dispoñibles en www.defronte.gal. Encargámonos da coordinación do equipo e do proxecto, da xestión das adhesións e da redacción dos textos para a difusión. Colaboramos con MAOS Innovación Social na comunicación. Categoría: Xéneros e identidades Clienta: Deputación da Coruña

Seis cafés. Etnografía dos coidados para tempos de pandemia

Seis cafés. Etnografía dos coidados para tempos de pandemia – 2020 «Seis cafés» é un proxecto de intervención sociocomunitaria e etnografía feminista desenvolvido para o Concello de Bergondo entre setembro e novembro de 2020. A través de entrevistas a veciñas maiores do municipio, exploramos o tema dos coidados, visibilizando a relación histórica das mulleres co mundo reprodutivo, denunciando a inxusta carga que nalgúns momentos da súa vida representou e aprendendo dos saberes invisibles que atesouran. As entrevistas, xunto coas metodoloxías e conclusións do encontro virtual Coidatopías, deron lugar á publicación de «Seis cafés». Encargámonos da coordinación, deseño e execución do proxecto. Categoría: Xéneros e identidades; Memoria e territorio; Facilitación e participación social Clienta: Concello de Bergondo Deseño gráfico: Nadina gráfica Fotografía: Charo Lopes

Escola de Participación Cidadá de Narón

Escola de Participación Cidadá de Narón – En curso A Escola de Participación Cidadá de Narón é un espazo de relación entre a veciñanza e o Concello, que busca apoiar o tecido asociativo do municipio e fomentar a participación cidadá. Inclúe diversas accións como atención cidadá continuada, os Consellos Territoriais, a plataforma www.naronparticipa.es, o programa educativo Plenos Escolares, formación, xornadas e eventos de cohesión social. Encargámonos da coordinación, comunicación, formación, facilitación e asesoramento. Categoría: Facilitación e participación social Clienta: Concello de Narón Deseño gráfico: Nadina gráfica

Apoderamento lingüístico. Ferramentas desde a Educación Social

Apoderamento lingüístico. Ferramentas desde a Educación Social – 2020 «Apoderamento lingüístico. Ferramentas desde a Educación Social» é un obradoiro dirixido ao alumnado do Grao de Educación Social na UDC. Durante dez horas de formación, combinamos teoría, exercicios prácticos e vivencias para sensibilizar aos futuros educadores e educadoras sociais sobre o seu papel no fomento da lingua galega. A formación parte da súa experiencia familiar e social para comprender os estereotipos e prexuízos lingüísticos, e culmina no deseño dun proxecto piloto que integra a intervención social e a normalización lingüística. Encargámonos do deseño e execución da formación. Categoría: Memoria e lingua Clienta: Facultad de Educación Social, UDC

Foro de mocidade

Foro de mocidade – 2021 O Foro da mocidade é un proxecto de fomento da participación cidadá e os valores democráticos dirixido á poboación moza. Desenvolvémolo para o Concello de Sada, coa participación de alumnado dos IES da vila. Consta de sesións de obradoiro en aula onde identificar as necesidades da mocidade e darlle forma a propostas para o seu concello, e un espazo final de Pleno con representación municipal no que trasladar estas ideas.   Desenvolvemos tarefas de coordinación, deseño e execución do proxecto. Categoría: Participación social Clienta: Concello de Silleda

Enraizadas

Enraizadas – 2021 Proxecto de sensibilización en xénero creado para Euroeume en colaboración con Illa Bufarda e financiado pola área de igualdade da Deputación da Coruña. Consta de nove vídeos que recollen entrevistas a mulleres de seis concellos das comarcas do Eume e Ortegal, visibilizando o seu traballo no sector primario desde unha perspectiva ecofeminista e de soberanía alimentar. Os vídeos presentáronse en novembro de 2021 no Auditorio das Pontes. Encargámonos da coordinación, produción, guión e dinamización do evento. Categoría: Xénero e identidade  Clienta: Euroeume